domingo, 8 de março de 2009

Ensaio e erro

O filósofo Richard Rorty falaba moitas veces da estratexia de "ensaio e erro" como a única posíbel para a política democrática en Occidente. Este é o único conforto que atopo para o acontecido o 1 de marzo na Galiza. Simplemente, tocaba erro. Tocaba paso atrás. Dous exemplos.


Algunhas das moitas cousas interesantes que ficaron fóra da montaxe final do documental Fronteiras foron unha tanda de opinións que moitos dos entrevistados expresaron sobre Manuel Fraga. Unha das máis lúcidas foi a de Xosé Luís Méndez Ferrín, que nos explicou a deriva seudogaleguista do Fraga posfranquista, deriva imprescindíbel para facerse oco na política galega, unha vez desistiu de facer carrera en Madrid. Ferrín mesmo sinalaba as referencias intelectuais das que Fraga soubo dotarse, elixindo entre o máis asimilábel á súa traxectoria conservadora (nomeadamente Alfredo Brañas, quen se converteu no seu galeguista de cabeceira). A conversa tivo lugar hai apenas dous anos, e daquela Ferrín tíñao claro. Dicía (e cito de memoria), que "Hoxe ningún político en Galicia se atreve a facer política en contra do galego, nin en Vigo, nin na Xunta, porque saben que perderían votos." Afeito ao típico victimismo de moita xente do nacionalismo e dos sectores que traballan a prol da lingua, recoñezo que me sorprendeu a seguridade de Ferrín no seu dictame.

Gustaríame moito saber se hoxe o escritor ourensán é da mesma opinión. Porque eu concordaba con el hai dous anos, pero hoxe non estou certo de que o galego sexa tan incuestionábel para todos os políticos que van formar parte do vindeiro parlamento, nin tan incuestionábel a política de normalización lingüística para todos os medios de comunicación do país.

Segundo tema. Nun libro de entrevistas de 1993, o xornalista Ramón Luis Acuña preguntaba ao historiador Justo Beramendi:

-¿Existe una nación gallega?
-Aunque parezca una respuesta muy gallega, le diré que eso depende de cada uno.
-¿A ver, a ver?
-La tesis que sostengo en mis trabajos es que ninguna nación, ni la gallega, ni la española, ni la francesa existe "per se". Sólo existe en la medida en que un grupo significativo de población asume su exigencia.
-¿Existe, pues, una nación gallega?
-Existe y no existe. Una parte de la población, minoritaria pero ya no marginal, cree que existe la nación gallega, y otra, no lo cree. Podríamos decir por lo tanto que tiene una existencia de baja intensidad.

Ramón Luis Acuña: Las tribus de Europa, Ediciones B, Barcelona, 1993, págs. 362-363

Estaban aínda por chegar os resultados de 1997, que converteron ao BNG en segunda forza política. Agora todo aquilo parece unha fantasía, pero aqueles, non esquezamos foron os anos de maior intensidade da nación galega. ¿Conclusión? A nación galega engorda e enfraquece con tanta facilidade que nunha destas pode, perfectamente, desaparecer.

Canto teremos que agardar para o vindeiro ensaio?

2 comentários:

Anónimo disse...

pois amín dame que non van ser solo catro anos...

Anónimo disse...

Con estes folgos que tedes poden ser 40!